Proxectos

Procesos e prácticas educativas para a transición a unha cultura da sustentabilidade e a cooperación en Galicia e a República Dominicana – Investigación acción.

A proposta de investigación denominada “Procesos e prácticas educativas para a transición a unha cultura da sustentabilidade e a cooperación en Galicia e República Dominicana – investigación acción”, sintetizado no acrónimo ALIANZA TERRA, inscríbese no marco conceptual e propositivo da 5ª xeración da Educación para o Desenvolvemento (EpD), centrado na configuración dunha cidadanía planetaria,  responsable e comprometida coa superación das inxustizas e dos problemas xerados pola crise ambiental e económica.

Considerando a perspectiva de sustentabilidade e o enfoque de aprendizaxe lonxitudinal que garanta o impacto social da investigación, a presente proposta constitúe a prolongación dunha liña de estudo no eido da Educación para o Desenvolvemento e a cultura da sustentabilidade que se inicia en 2014 coa realización do proxecto de investigación “Cultura da sostenibilidade e cooperación ao desenvolvemento:  realidades e perspectivas educativas en Galicia e República Dominicana” (CSC-2014-2015). Un estudo que acadou información en torno aos coñecementos, as prácticas, os compromisos e as expectativas da poboación estudantil e do profesorado de educación secundaria en relación a cultura da sustentabilidade e a cooperación no contexto escolar.

Considerando a relevancia dos datos do proxecto CSC, valorouse a súa aplicación na realidade de Galicia, dando lugar ao proxecto de intervención educativa denominado “Procesos educativos para a construción dunha Cultura da Sustentabilidade, o Coidado e a Cooperación en Centros Educativos de Galicia”, (+COMUNIDADE, 2016-2017). Dirixido a xerar procesos formativos, co profesorado e o alumnado dos centros educativos de Galicia, que faciliten a construción dunha cultura da sustentabilidade, o coidado e a cooperación a nivel local e global, a partires da configuración de coñecementos, habilidades, comportamentos e valores que permitan propoñer alternativas de comprensión, organización e transformación da realidade escolar, comunitaria e global.

A experiencia e os resultados positivos dos proxectos CSC e +COMUNIDADE, pretenden  ser continuados e ampliados, tanto a nivel temático como territorial, por medio do proxecto titulado “Procesos e prácticas educativas para a transición a unha cultura da sustentabilidade e a cooperación en Galicia e República Dominicana – investigación acción” (2017-2018, en diante ALIANZA TERRA), orientado á produción de coñecemento pedagóxico e materiais didácticos innovadores sobre a cultura da sustentabilidade, e o deseño e aplicación de estratexias e prácticas educativas que faciliten a transición a unha cultura da sustentabilidade e a cooperación, a través da formación do profesorado e alumnado, nos centros educativos e o seu entorno comunitario en Galicia e República Dominicana. 

Ano: 
2017
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria de investigación para o desenvolvemento
Rexión: 
Centroamérica e Caribe
País: 
ESPAÑA
REPÚBLICA DOMINICANA
Zona de actuación: 
Galicia
Santo Domingo (provincia)
Axentes: 
INTERED GALICIA
UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Código CRS: 
11320 - Educación secundaria
Obxectivos: 

Obxectivos Específicos:

1. Organizar en cada centro educativo equipas de investigación e innovación educativa, para a xeración de coñecemento e o desenvolvemento de propostas pedagóxicas innovadoras no eido da cultura da sustentabilidade e a cooperación.

2. Estruturar grupos de profesorado para a produción de material didáctico innovador nos centros educativos de secundaria en relación á cultura da sustentabilidade e á cooperación.

3. Deseñar estratexias formativas para asegurar a devolución e o impacto social do coñecemento explorado e acumulado a través do proxecto CSC entre o profesorado e o colectivo de estudantes de Galicia e República Dominicana.

4. Xerar nas comunidades de referencia procesos formativos entre o profesorado e o alumnado relacionados coa comprensión e superación das problemáticas ambientais e a construción dunha cultura da sustentabilidade no centro educativo e na comunidade local.

5. Perfilar e aplicar un programa de formación inicial para os estudantes de maxisterio do Centro de Educación Superior Poveda en República Dominicana, para abordar  as problemáticas ambientais e a construción dunha cultura da sustentabilidade e a cooperación na súa contorna de referencia.

6. Actualizar e dinamizar a plataforma virtual do proxecto CSC e publicar a información, os  produtos e as propostas do proxecto de investigación-acción ALIANZA TERRA.

7. Fortalecer a produción de artigos científicos a nivel autonómico, nacional e internacional na perspectiva de ampliar a difusión e a  consolidación da liña de investigación sobre cultura da sustentabilidade e a cooperación ao desenvolvemento.

Resultados e actividades: 

1ª Etapa, organización do equipo e planificación da investigación acción

2ª Etapa, sistematización de información e contidos e organización dos procesos formativos en Galicia e República Dominicana

3ª Etapa, estruturación de equipos de traballo nos centros educativos

4ª Etapa, desenvolvemento, asesoría e acompañamento dos seminarios formativos en Galicia e República Dominicana

5ª Etapa, deseño e realización de tarefas formativas na aula

6ª Etapa, deseño de programa formativo

7ª Etapa, presentación de produtos traballados co alumnado, a comunidade e avaliación da intervención nos centros educativos

8ª Etapa, sistematización de coñecementos e das propostas didácticas e pedagóxicas innovadoras xeradas no marco de ALIANZA TERRA

9ª Etapa de elaboración de conclusións e redacción do informe da investigación – acción

10ª Etapa, difusión dos resultados da investigación - acción

Poboación beneficiaria: 

Directa: A mostra de estudo e intervención educativa estará integrada por  profesores/as de 8 centros urbanos e rurais, 4 institutos en Galicia e outros 4 en República Dominicana, do nivel da educación secundaria obrigatoria e post-obrigatoria, onde en función da motivación e interese do profesorado tamén se desenvolveran proxectos de aula sobre cultura da sustentabilidade e a cooperación co alumnado.

Axudas: 

29.739,76 € (2017: 14.869,88 €; 2018: 14.869,88 €)