Proxectos

Programa de Compensación Alimentaria Escolar para a poboación infantil da franxa de Gaza

A actual situación de bloqueo que se vive na franxa de Gaza así como as continuas incursións do exército de Israel na zona están influíndo de xeito directo e significativo na dispoñibilidade de alimentos e, en especial, de alimentos cun adecuado achegue calórico no ámbito escolar. Esta escaseza de alimentos non só ten un impacto negativo no crecemento da poboación infantil senón na educación dos nenos e nenas da zona. Aínda que durante os últimos anos a educación da poboación escolar palestina contaba cuns índices educativos superiores a outros de países da rexión, nos últimos dous anos estes niveis víronse reducidos, influenciados, entre outros aspectos, pola redución na asistencia á escola e pola redución dos niveis de concentración dos menores.

Co obxectivo de apoiar a recuperación das marcas anteriores, UNRWA prioriza de xeito esencial o traballo que se realiza no Programa de Compensación Alimentaria Escolar, coa finalidade de mellorar os niveis de inxesta de alimentos adecuados para o crecemento e rendemento escolar dos nenos e nenas. O Programa de Compensación Alimentaria Escolar preséntase, no ano 2011, como unha das iniciativas máis importantes e de maior volume de fondos na Axencia para a franxa de Gaza1. A Xunta de Galicia é un dos Axentes de Cooperación que, desde o ano 2010 vén apoiando a mellora da calidade educativa da poboación escolar da franxa de Gaza mediante a súa contribución á adquisición de paquetes de compensación alimentaria.

Durante o ano 2010, o seu apoio dun total de 20.000 euros estivo destinado á mellora da inxesta alimentaria dun total de 4.265 escolares. Nesta ocasión, a través dunha contribución de 25.000 euros, a Xunta apoiará a adquisición de paquetes de compensación alimentaria escolar para aproximadamente 5.296 estudantes dos graos 1º a 9º.

Ano: 
2011
Instrumento de financiamento: 
Convenio
Rexión: 
Asia
País: 
TERRITORIOS PALESTINOS
Zona de actuación: 
Franxa de Gaza
Axentes: 
UNRWA
Contraparte: 

UNRWA – Axencia de Nacións Unidas para os refuxiados de Palestina en Oriente Medio

Código CRS: 
52010 - Axuda alimentaria / Programas de seguridade alimentaria
Obxectivos: 

Obxectivo Xeral: Contribuír á mellora dos niveis educativos e de rendemento escolar dos nenos e nenas refuxiados/as nos centros escolares da UNRWA.
Obxectivo Específico: Apoiar un incremento nutricional e de achegue calórico do alumnado a través da provisión dun soporte alimentario diario aos nenos e nenas refuxiados/as escolarizados/as nos centros educativos da UNRWA.

Resultados e actividades: 

Resultado 1.1.: Mellorado o balance nutricional e achega calorífica do alumnado da UNRWA.
Actividades:
A.1.1.1.: Identificación do número de paquetes alimenticios necesarios por escola.
A.1.1.2.: Procedemento de licitación e selección do provedor, preferentemente local.
A.1.1.3.: Distribución de 137. 696 paquetes de compensación alimentaria nas escolas UNRWA da Franxa de Gaza.

Poboación beneficiaria: 

Directa: 5.296 estudantes.
Indirecta: 5.296 familias (aproximadamente 26.480 persoas).
No conxunto do Programa de Compensación Alimentaria Escolar para o ano 2011, 210.600 alumnos/as esperan poder ser apoiados mediante as contribucións dos diferentes doantes. En concreto, a poboación beneficiaria da contribución da Xunta de Galicia será seleccionada en función do momento da dispoñibilidade da contribución así como das prioridades e necesidades existentes nese momento e da existencia doutras contribucións.

Axudas: 

25000