Proxecto de abastecemento e saneamento na comunidade de San José de Las Conchas no municipio de Marcovia en Honduras
O proxecto “Proxecto de abastecemento e saneamento na comunidade de San José de las Conchas, no municipio de Marcovia en Honduras” ten a súa orixe no Programa “Redución da vulnerabilidade en áreas empobrecidas, a través do acceso á auga potable, o saneamento e a xestión sostible dos recursos hídricos e do territorio con enfoque de cunca hidrográfica en El Salvador, Honduras e Nicaragua 2008-2012”, que se está a desenvolver na zona co apoio de, entre outros, a AECID e a Xunta de Galicia. O proxecto trátase do primeiro produto, xa fóra do Programa, que emana da liña de traballo do Plan de Xestión Integral do Recurso Hídrico (PXIRH) que se estivo traballando nos últimos anos entre ESF Galicia e a propia Alcaldía de Marcovia, a partir do que se obtivo a información do estado do sistema de abastecemento actual.
O proxecto ten como obxecto a construción, o impulso e a distribución do sistema de abastecemento de auga, comprobando que o tanque xa existente se atope en bo estado. Tamén se construirán letrinas e pilas e, no tocante ao tratamento de augas grises, realizaranse capacitacións que permitan aos habitantes da comunidade construír eles mesmos resumidoiros sinxelos con grava, para evitar que as augas empregadas para lavar queden estancadas e se convertan nunha zona de cría de mosquitos e outros insectos que poidan provocar infeccións.
Co proxecto trátase de asegurar o acceso á auga potable e saneamento ás 697 persoas da comunidade de San José de las Conchas, na alcaldía de Marcovia. A compoñente construtiva do proxecto é importante, tanto no sistema de abastecemento como no sistema de saneamento. Non obstante, o proxecto prevé tamén o fortalecemento das institucións comunitarias (como as xuntas de auga potable e saneamento) e do goberno local, que deben asegurar a sustentabilidade da actuación. Por outra banda, preténdese aumentar o impacto real da acción na zona a través da sensibilización da poboación incidindo na necesidade de que esixan o seu dereito á auga, da realización e xeneralización de boas prácticas hidrosanitarias e ambientais, así como da abordaxe da problemática de xénero e auga. Este proxecto é unha continuación natural que sae do programa no que, cun enfoque integral e sistemático de cunca hidrográfica e de fortalecemento das capacidades, estase a facer a diagnose e ordenación dos recursos hídricos a nivel alcaldía (por medio do Plan de Xestión Integral do Recurso Hídrico).
Alcaldía de Marcovia
Obxectivo Xeral: Usados os recursos do territorio de xeito sostible e con enfoque de cunca pola poboación do municipio de Marcovia , en correspondencia coas políticas e normas vixentes no país, de cara á mellora da calidade de vida dos seus habitantes.
Obxectivo Específico: Mellorada a xestión do recurso hídrico de xeito sostible no caserío de San José de las Conchas.
Resultado 1.1.: Mellorado o acceso á auga potable e ao saneamento no caserío de San José de las Conchas.
Actividades:
A.1.1.1.: Presentación do proxecto á comunidade.
A.1.1.2.: Comprobación dos requisitos previos.
A.1.1.3.: Deseño de infraestruturas de saneamento.
A.1.1.4.: Deseño de infraestruturas de abastecemento.
A.1.1.5.: Construción de infraestrutura de saneamento.
A.1.1.6.: Construción de infraestrutura de abastecemento.
A.1.1.7.: Reforestación e protección das zonas de recarga.
A.1.1.8.: Capacitacións do uso e xestión de ambos sistemas.
A.1.1.9.: Capacitacións do uso do sistema de saneamento.
A.1.1.10.: Presentación do proxecto.
A.1.1.11.: Acompañamento técnico no mantemento das instalacións.
A.1.1.12.: Capacitacións sobre o dereito humano á auga.
A.1.1.13.: Mellora da ferramenta gvSIG FONSAGUA para o seguemento do plan.
Resultado 1.2.: Mellorada a sensibilización da poboación beneficiaria sobre a conservación e protección dos recursos naturais.
Actividades:
A.1.2.1.: Campañas de educación ambiental.
A.1.2.2.: Campañas de sensibilización sobre a calidade da auga dirixidas a agro-industrias.
Resultado transversal 1.: Mellorados os hábitos relativos á auga no caserío de San José de las Conchas.
Actividades:
Actividade RT1.1.: Talleres sobre a relación auga-saúde con especial fincapé no saneamento, hábitos hixiénicos básicos, residuos sólidos e xestión agropecuaria.
Actividade RT1.2.: Talleres sobre a relación auga-saúde dirixidos para escolares menores de 6 anos.
Resultado transversal 2.: Mellorada a situación da muller e a infancia afectada por unha mala xestión do recurso no caserío de San José de las Conchas.
Actividades:
Actividade RT2.1.: Talleres sobre xénero e aspectos sociais focalizados na poboación feminina, masculina, infantil e xuvenil.
Directa: 697 persoas (352 mulleres: 50,5 %).
Indirecta: Resto da poboación do Municipio de Marcovia.
174.986,00 (2012: 52.495,80 ; 2013: 122.490,20 )