Rede Solidaria da Mocidade: cidadanía global, empoderamento e participación para o cambio social dos grupos solidarios no curso 2019/2020
O proxecto pretende dar continuidade ás accións do programa de educación para a solidariedade e a cidadanía global e de participación xuvenil Rede Solidaria da Mocidade (RSM) que se executa en Galicia desde 2004. Este programa ofrece ás comunidades educativas unha estrutura estable de participación, que facilita procesos de capacitación e empoderamento que, á súa vez, incrementan as competencias de compromiso social e cidadanía global dos mozos e mozas galegas nos seus centros de ensino. Ademais, favorece a súa formación nas temáticas de cidadanía global, así como a reflexión e concienciación sobre os problemas sociais locais e globais no marco dos ODS.
Este programa ten por obxectivos, en primeiro lugar, xerar unha identidade e conciencia de cidadanía global para o cambio e a transformación social nos mozos e mozas de entre 12 e 18 anos no ámbito dos seus centros educativos; e, en segundo lugar, facilitar a súa participación, favorecendo o seu empoderamento, protagonismo e traballo conxunto con outros e en rede. A RSM ofrece á mocidade e ao profesorado un proceso e estrutura estable de participación e educación para a cidadanía global a través de accións formativas, de encontro e de intercambio, de planificación de accións solidarias, de avaliación e de participación social mediante as que exercer e ver fortalecidos os procesos persoais e colectivos de cidadanía global necesarios para promover o cambio social.
Obxectivo xeral: Promover en Galicia a construción dunha cidadanía global concienciada, crítica, participativa e comprometida coa xustiza e a solidariedade, coa erradicación da pobreza e das desigualdades, a promoción do desenvolvemento humano sostible e o exercicio pleno dos dereitos, colaborando coa consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Obxectivo específico: Os mozos, mozas e profesorado da Rede Solidaria da Mocidade exercen o seu dereito á participación e desenvolven as competencias de cidadanía global para o cambio social e o empoderamento xuvenil durante o curso 2019/2020.
RE 1.1: Os mozos, mozas e docentes da Rede Solidaria de Mocidade acceden a espazos de encontro e intercambio mutuo e con grupos de participación e liderado xuvenil de América Latina para o desenvolvemento das competencias de cidadanía global.
A 1.1.1: Deseñar, planificar e celebrar o XXI Encontro en Rede.
A1.1.2: Deseñar, planificar e celebrar 1 Encontro de avaliación e peche de curso para os grupos da Rede Solidaria da Mocidade.
A 1.1.3: Deseñar, planificar e asistir ao VII Encontro Global da Rede Solidaria de Mocidade, xunto cunha visita internacional a centros educativos galegos.
A 1.1.4: Deseñar, planificar e celebrar 2 xuntanzas do profesorado da Rede Solidaria da Mocidade.
RE 1.2: Os mozos e mozas da Rede Solidaria da Mocidade acceden a ferramentas educativas (formativas, de planificación e de avaliación) para o empoderamento e o desenvolvemento das competencias de cidadanía global.
A 1.2.1: Deseñar, elaborar e realizar 5 actividades de formación para mozos e mozas da Rede Solidaria da Mocidade sobre cidadanía global, participación social e Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
A 1.2.2: Deseñar, elaborar e realizar 1 actividade de formación para mozos e mozas da Rede Solidaria da Mocidade sobre cidadanía global e Obxectivos de Desenvolvemento Sostible impartida coa colaboración da Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña.
A 1.2.3: Deseñar, planificar e executar as axendas solidarias de 9 grupos solidarios da Rede Solidaria da Mocidade (experiencias de participación e cidadanía global).
A 1.2.4: Deseñar, elaborar e realizar 2 actividades de formación para o voluntariado da Rede Solidaria da Mocidade sobre liderado, participación xuvenil e competencias para a cidadanía global.
RE 1.3: O profesorado da Rede Solidaria da Mocidade accede a recursos e ferramentas educativas e formativas para o empoderamento e o desenvolvemento das competencias de cidadanía global dos grupos solidarios de mozos e mozas da Rede.
A 1.3.1: Deseñar, elaborar e realizar 2 formacións para docentes da Rede Solidaria da Mocidade sobre competencias para a cidadanía global, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e metodoloxías de acompañamento e promoción da participación xuvenil.
A 1.3.2: Asesorar e acompañar ao profesorado e aos grupos e apoiar a implicación e recoñecemento das comunidades educativas no programa da Rede Solidaria da Mocidade.
Directa: As persoas beneficiarias directas serán 170 rapazas e 70 rapaces (240 en total) de entre 12 e 18 anos, estudantes do ensino secundario e do bacharelato; 2 voluntarios e 6 voluntarias mozas (8 en total) de EC de entre 18 e 27 anos; e 10 profesoras e 2 profesores (12 en total) de 9 centros de ensino secundario de Galicia.
Indirecta: Indirectamente serán beneficiarias as 240 familias dos rapaces e rapazas participantes, así como as comunidades educativas dos 9 centros participantes no proxecto na súa totalidade (unhas 2.500 persoas (825 homes e 1.675 mulleres) entre alumnado, profesorado, equipos directivos e persoal non docente).
Axuda Xunta de Galicia: 35.000 € (2019:14.000 € ; 2020:21.000 €)