Proxectos

Resposta sanitaria e psicosocial ás poboacións beduinas en situación de emerxencia na periferia de Xerusalén (Área E1) e Área C do Gobernorado de Jericó, Territorios Ocupados Palestinos

A ocupación socava gravemente os medios de subsistencia da poboación palestina de diversas maneiras, incluíndo restricións de planificación/desenvolvemento, demolicións e desprazamento forzado e acceso limitado á terra e os recursos. Ademais, o goberno israelí mantén o control sobre a construción e planificación na "Área C", deixando á Autoridade Palestina (AP) cunha responsabilidade marxinal sobre os servizos de saúde e educación. Como consecuencia directa, a poboación palestina da "Área C" carece de condicións para o desenvolvemento sustentable.

O espazo para as súas oportunidades de desenvolvemento humano é moi limitado. A poboación sofre restricións á liberdade de movemento, a construción e expansión dos asentamentos ilegais, réximes restritivos de zonificación e planificación, confiscacións de terras, non expedición de permisos de construción, demolición das súas propiedades e bens e falta de aplicación da lei. Estas intricadas limitacións fan que a poboación beduína estea entre os sectores máis vulnerables nos Territorios Ocupados Palestinos. A vulnerabilidade é relevante en relación coa escaseza de produtos básicos como auga e electricidade, alimentos, así como servizos de saúde e educación.

Dado que a poboación beduína adoita vivir en zonas moi illadas afastadas das principais cidades ou pobos con escasos camiños e transporte público, os custos de recibir servizos de saúde ou educación son excesivamente altos.

En Cisxordania e en concreto nas comunidades beduínas da área C e Área E1 de Xerusalén Este, rexistrouse un incremento significativo do número de incidentes críticos. Este aumento e a situación estrutural de violencia política, teñen consecuencias directas sobre a situación de vulnerabilidade, e a intensificación ou exposición a novos factores de risco das comunidades afectadas.

O impacto psicosocial nas persoas e comunidades maniféstase na cristalización de diferentes problemas, tanto de tipo social, como psicosomático e/ou psicolóxico. Fronte a esta problemática relacionada, é fundamental incentivar os esforzos e intervencións centradas na intervención en situacións de emerxencia, en reforzar a resiliencia e a mitigación dos efectos da violencia política no benestar psicosocial das persoas e comunidades afectadas.

Con énfase nos grupos máis vulnerables: mulleres, menores de idade e poboación beduína, a intervención de MdM , alíñase coa Estratexia Nacional de Saúde Mental 2015-2019 de Palestina (enfoque específico no trauma e a intervención en crise e emerxencias) e cos obxectivos do Plan Nacional de Saúde e do grupo de Protección en resposta humanitaria que ten o obxectivo específico de mitigar os efectos nocivos do conflito israelí-palestino sobre a protección e a saúde mental e o benestar psicosocial da poboación máis vulnerables e comunidades en Cisxordania. 

Ano: 
2017
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Acción Humanitaria
Rexión: 
Oriente Próximo
País: 
TERRITORIOS PALESTINOS
Axentes: 
MÉDICOS DO MUNDO GALICIA
Contraparte: 

Ao-Islah Society

Código CRS: 
12191 - Servizos médicos
12220 - Atención sanitaria básica
12281 - Formación persoal sanitario
15162 - Dereitos Humanos
72010 - Axuda e servizos materiais de emerxencia
72050 - Coordinación dos servizos de protección da axuda
74010 - Prevención de desastres
Obxectivos: 

Obxectivo xeral:  O obxectivo xeral da presente intervención é protexer o dereito e acceso á saúde, tanto a nivel sanitario como psicosocial, das comunidades beduínas en situación de emerxencia ocasionada pola violencia política na periferia de Xerusalén (Área E1) e Área C do Gobernorado de Jericó, Territorios Ocupados Palestinos promovendo a resiliencia e dignidade das persoas.

Obxectivo específico: Mellorar a preparación e capacidade de resposta da atención sanitaria e psicosocial proporcionada ás poboacións beduínas en situación de emerxencia ocasionada pola violencia política na periferia de Xerusalén (Área E1) e Área C do Gobernorado de Jericó, Territorios Ocupados Palestinos.

Resultados e actividades: 

Resultado 1: Reforzada a atención psicosocial en emerxencia, incluíndo a asistencia e a protección das comunidades beduínas afectadas pola violencia política e en situación de vulnerabilidade que padecen restricións de acceso e/ou movemento, e/ou situados en comunidades illadas.

A1.1.1: Atención psicosocial, individual, familiar e/ou comunitaria, en situacións de emerxencia a través da activación dos protocolos específicos desenvolvidos por MdM.

A.1.1.2: Actualizar o mapa de recursos a nivel local das organizacións públicas e privadas que están a traballar na área C na atención psicosocial.

A.1.1.3: Reforzar a coordinación multisectorial e a homoxeneización da resposta de emerxencia na atención psicosocial

Resultado 2:  Aumentado o acceso á atención primaria de saúde e mellora da resiliencia das comunidades beduínas en situación de emerxencia ocasionada pola violencia política e en risco de vulnerabilidade a través de clínicas móbiles adecuadamente equipadas.

A.2.1: Atención médica primaria e primeiros auxilios psicolóxicos a través dunha Unidade Clínica Móbil dotada do material necesario e de persoal especializado (medicina xeral, enfermería e psicoloxía).

A.2.2: Detección de casos e derivación aos servizos adecuados (sanitarios, protección e de saúde mental).

A.2.3: Reforzar a resiliencia das comunidades que en situación de risco non sufriron aínda unha alerta de emerxencia, xerando vínculos, identificando as necesidades e implementando o protocolo de resiliencia desenvolvido por MdM  para comunidades beduínas.

Resultado 3: Melloradas as capacidades en primeiros auxilios psicolóxicos, manexo da tensión e auto coidado dos equipos profesionais que interveñen na resposta de emerxencia nas comunidades beduínas afectadas pola violencia política e en risco de desprotección que padecen restricións de acceso e/ou movemento, e/ou situados en comunidades illadas.

A.3.1: Reforzo das habilidades profesionais para os primeiros auxilios psicolóxicos en función das necesidades (Organismos públicos e Ong).

A.3.2: Establecer e promover sistemas de autocoidado e xestión da tensión entre os equipos de atención de emerxencias

Resultado 4: Incrementado o coñecemento e a concienciación da situación de violencia política e de risco que enfronta a poboación en situación de vulnerabilidade que padecen restricións de acceso e/ou movemento, e/ou situados en comunidades illadas (especialmente comunidades beduínas) mediante accións de Incidencia política e comunicación.

A.4.1: Sistematizar a recollida de información tanto de testemuños como das intervencións, análises das necesidades realizado por MdM e reportar e alimentar os sistemas de coordinación e rexistro de OCHA.

A.4.2: Publicar trimestralmente un artigo na revista de MdM que informe e sensibilice da situación das comunidades e os datos das intervencións realizadas e dos incidentes críticos.

A.4.3: Mobilizar ao grupo interparlamentario de Palestina en España para incentivar o desenvolvemento de actividades de incidencia política a nivel nacional e internacional.

Poboación beneficiaria: 

Directa: Unhas 208 persoas, das cales 50 son mulleres, 31 homes, 62 nenas e 65 nenos, que pertencen, polo menos, a 8 comunidades beduínas situadas na Área C e na zona E1 da periferia de Xerusalén; seleccionando á poboación en función da situación de especial vulnerabilidade

Indirecta: Unhas 801, das cales 156 son mulleres, 149 homes, 248 nenas e 248 nenos.

Avaliación: 
prevista
Axudas: 

70.000,00 €