Proxectos

Aprendizaxe-servizo e Cooperación para o Desenvolvemento. Formando para a Cidadanía Global.

Promover a metodoloxía Aprendizaxe-Servizo (ApS) na ensinanza da xeografía da África Subsahariana, en liña coas prioridades do V Plan Director da cooperación galega, a través da súa inclusión nos plans formativos pertencentes á Universidade Pública de Cabo Verde. A finalidade é artellar propostas formativas que, mediante a ApS, poidan servir como núcleos  dinamizadores da transformación social e do fortalecemento da convivencia na comunidade de referencia. É dicir, esta metodoloxía  procura establecer vínculos entre o currículum e o  entorno (social/natural) por medio da implicación directa do alumnado. Así, as comunidades vense beneficiadas ao recibir un servizo profesionalizado que cubre algunha necesidade social e, pola súa banda, o estudante aprende de maneira máis contextualizada e responsable.

Ano: 
2023
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria de investigación para o desenvolvemento
Rexión: 
África
País: 
CABO VERDE
Axentes: 
FARMACEUTICOS MUNDI
UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Obxectivos: 

Xeral: Mellorar o benestar social e a convivencia da comunidade local a través de proxectos educativos que xeren sinerxías entre Universidade e Comunidade a partir da metodoloxía da Aprendizaxe-Servizo (ApS).

Específicos:

Fase 1.

1.1. Analizar o coñecemento do profesorado universitario da Universidade de Cabo Verde da metodoloxía de aprendizaxe-servizo.

1.2. Identificar as necesidades sociais do contexto de Cabo Verde e o seu vínculo cos desafíos da Axenda 2030 e o V Plan Director de Cooperación Galega (2023-2026).

1.3. Implementar un curso de formación na metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS) con profesorado da Universidade de Cabo Verde, adaptado as súas características, co fin de impulsar proxectos de desenvolvemento social e pedagóxico na comunidade local.

Fase 2.

2.1. Deseñar proxectos de aprendizaxe-servizo (ApS) polo profesorado da Universidade de Cabo Verde de diferentes materias e titulacións, adaptados ás necesidades sociais da comunidade local.

2.2. Implementar proxectos de aprendizaxe-servizo (ApS) polo profesorado da Universidade de Cabo Verde, coa colaboración de entidades e colectivos da contorna, con accións contextualizadas e baseadas nas necesidades locais.

Fase 3

3.1. Avaliar os proxectos de aprendizaxe-servizo (ApS) na comprensión dos factores que integran ditas experiencias na comunidade de Cabo Verde.

3.2. Favorecer a institucionalización da metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS) na universidade participante.

3.3. Identificar boas prácticas na implementación dos proxectos de aprendizaxe-servizo (ApS) para a súa difusión e integración na formación universitaria.

Resultados e actividades: 

Fase 1

RE 1.1 Deseñar un programa formativo con profesorado da universidade participante de Cabo Verde en torno á metodoloxía experiencial da aprendizaxe-servizo (ApS).

RE1.2 Elaborar un informe sobre as necesidades sociais do contexto de Cabo Verde e o seu vínculo cos desafíos da Axenda 2030 e o Plan Director de Cooperación Galega.

RE1.3 Implementar un programa formativo contextualizado e adaptado aos coñecementos do profesorado da universidade participante de Cabo Verde na metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS).

            A1.1 Adaptación do cuestionario sobre o coñecemento de ApS e identificación de necesidades sociais.

            A1.2 Aplicación do cuestionario online (Microsoft Forms).

            A1.3. Deseño da formación para profesorado universitario.

            A1.4. Implementación do curso formativo para profesorado universitario (online).

            A1.5. Elaboración do informe de necesidades sociais do contexto de Cabo Verde vencellado aos desafíos da Axenda 2030 e o V Plan Director de Cooperación Galega (publicación en acceso aberto).

Fase 2

RE2.1 Realizar programas comunitarios de aprendizaxe-servizo (ApS) protagonizados polo alumnado universitario, en cooperación con entidades sociais, a partir das necesidades locais e dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

RE2.2 Establecer pautas de avaliación e seguimento de proxectos de  aprendizaxe-servizo no eido da cooperación ao desenvolvemento.

            A2.1. Deseño dos proxectos de aprendizaxe-servizo en diferentes materias e titulacións polo profesorado da Universidade de Cabo Verde.

            A2.2. Titorización e asesoramento no deseño e seguimento da implementación dos proxectos de aprendizaxe-servizo.

            A2.3. Implementación dos proxectos de aprendizaxe-servizo na contorna local da Universidade de Cabo Verde coa cooperación de entidades sociais.

            A2.4. Adaptación dos instrumentos e técnicas validados para a avaliación do proxecto na Fase 3.

            A2.5. Aplicación da plantilla de seguimento – diario de campo en cada proxecto de ApS implementado na Universidade de Cabo Verde.

Fase 3

RE3.1 Elaborar un informe da avaliación das experiencias de aprendizaxe-servizo no eido da cooperación ao desenvolvemento.

RE3.2 Promover a xeración de alianzas entre Academia e Comunidade a través da celebración dunha Xornada de difusión dos resultados acadados cos axentes sociais implicados no contexto local de referencia.

RE3.3 Favorecer a institucionalización da metodoloxía de aprendizaxe-servicio na Universidade de Cabo Verde a través da celebración dunha Xuntanza coas autoridades académicas.

RE3.4 Elaborar unha guía de boas prácticas na implementación da aprendizaxe#servizo para consolidar esta metodoloxía en países do sur e integrar ditas experiencias no currículum das universidades do Sistema Universitario Galego (SUG).

            A3.1. Avaliación dos proxectos de ApS – Parte I (aplicación online a través de Microsoft Forms da rúbrica de autoavaliación do profesorado e  presencial aplicada polo profesorado universitario participante do diferencial semántico que será proporcionado previamente polo grupo de investigación solicitante).

            A3.2. Celebración dunha Xornada de difusión dos resultados acadados durante o proxecto para o establecemento de alianzas, o intercambio de  resultados obtidos, formulando melloras e prospectiva.

            A3.3. Avaliación de resultados dos proxectos de ApS – Parte II. Aplicación da entrevista coas entidades sociais/comunidades participantes en  Cabo Verde (presencial na Xornada de difusión de resultados).

            A 3.4. Xuntanza coas autoridades académicas da Universidade de Cabo Verde a fin de favorecer a institucionalización desta metodoloxía.

            A3.5. Elaboración da Guía de Boas Prácticas na implementación da ApS no eido da cooperación e educación para o desenvolvemento (publicación en acceso aberto).

Poboación beneficiaria: 

Número de profesores e profesoras participantes na formación. Espérase, cando menos, un total de 10.

Número de alumnado implicado nos proxectos de aprendizaxe-servizo (ApS). Espérase, cando menos, un total de 60.

Axudas: 

Axuda Xunta de Galicia: 28.450 € (14.225 € en 2023 e 14.225 € en 2024).