Proxectos

Formación teórica e metodolóxica, elaboración, aplicación e validación de materiais educativos no Programa de Educaçao Bilingue de Mozambique

Este proxecto é a consolidación dun convenio de cooperación entre a Universidade Eduardo Mondlane e a Universidade de Vigo, para o desenvolvemento de proxectos, accións e propostas relacionadas coa Lingüística Aplicada, nomeadamente no eido da educación bilingüe.

O seu obxectivo principal é contribuír a avanzar cara un modelo de educación bilingüe baseado nas linguas indíxenas mozambicanas mediante o “Programa de Educação Bilingue” (PEB), o cal debe superar as limitacións do actuais e recoñecer a necesidade formativa do profesorado como formador de futuros profesionais que desenvolverán o seu traballo no programa vixente ou futuro da educación bilingüe en Mozambique.

Para isto  proxecto parte dunha proposta de investigación-acción participativa sustentada na estreita colaboración con profesorado da Universidade Eduardo Mondlane, a máis antiga e prestixiada de Mozambique. En concreto, con este proxecto preténdese contribuír a superar algunhas das principais problemáticas que están limitando a efectividade da educación bilingüe en Mozambique: produción de materiais de ensino e aprendizaxe, formación sociolingüística do profesorado, desenvolvemento de metalinguaxe e de terminoloxías científico-técnicas nas linguas bantú.

O aproximación a este obxectivo materialízase co traballo con 5 escolas integradas no PEB, cada unha cunha lingua mozambicana diferente, co propósito de convertelas en escolas piloto dun proxecto máis ambicioso consistente en estender nos vindeiros anos esta metodoloxía a todas as linguas mozambicanas.

Ano: 
2019
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria de investigación para o desenvolvemento
Rexión: 
África
País: 
MOZAMBIQUE
Axentes: 
UNIVERSIDADE DE VIGO
Código CRS: 
99820 - Sensibilización sobre os problemas relacionados co desenvolvemento
Obxectivos: 

Obxectivo xeral:  Contribuír á formación de profesores/as e de formadores/as de profesores/as que traballan no eido da educación bilingüe en Mozambique.

Obxectivo específico:

  • Deseñar e producir materiais didácticos sobre o ensino bilingüe para seren usados por docentes que desenvolven o seu traballo no PEB. En concreto, 1 guía didáctica específica e 2 repertorios terminolóxicos científico-técnicos para cada unha das 5 linguas seleccionadas.
  • Ofrecer 2 seminarios de formación sociolingüística (20 horas cada un) orientada á educación bilingüe para profesores/as e formadores/as de profesores/as universitarios de Mozambique.
  • Establecer unha rede de traballo colaborativo entre a Universidade Eduardo Mondlane e a Universidade de Vigo en materia de formación, ensino e produción de materiais relacionados coa educación bilingüe.
  • Promover cambios positivos e sostibles ao longo do tempo na praxe da execución do actual PEB en Mozambique.
  • Potenciar a motivación para o ensino-aprendizaxe das linguas bantú en todas as provincias mozambicanas.
  • Implementar a perspectiva de xénero no deseño e produción de recursos lexicográficos e materiais para o ensino-aprendizaxe das linguas bantú co fin de contribuír a construción dun espazo formativo e de encontro na aula que promova a equidade como valor fundamental.
Resultados e actividades: 

A1. Análise previa, formulación e planificación do proxecto.

A2. Elaboración de materiais educativos a prol da igualdade sociolingüística e de xénero.

A3. Seminarios de formación de profesorado.

A4. Divulgación dos resultados en Mozambique.

Poboación beneficiaria: 

Directa: A poboación beneficiaria directa é conxunto de profesores/as e de formadores/as de profesores/as que traballan no eido da educación bilingüe en Mozambique.// Universidade Eduardo Mondlan. Concretamente, intervirase en 5 escolas integradas no PEB, cada unha cunha lingua mozambicana diferente, co propósito de convertelas en escolas piloto dun proxecto máis ambicioso consistente en estender nos vindeiros anos a metodoloxía do proxecto a todas as linguas mozambicanas.

Indirecta: A poboación indirecta é o conxunto da mesma que habita nas provincias mozambicanas, e tanto ao seu proceso de  ensino-aprendizaxe das linguas bantú.

Axudas: 

Axuda Xunta de Galicia: 30.000 € (2019: 15.000 €;  2020: 15.000€)