Proxectos

Investigación - Acción - Formación para fortalecer a educación e integración do dereito ao hábitat en centros educativos de secundaria e entre axentes multiplicadores clave en Galicia Fase 4

Este proxecto enmárcase nun proceso de catro fases (constituíndo a Fase 4) elaborado a modo de Programa, e iniciado por Arquitectura sen Fronteiras despois de varios anos de traballo experimentando con diversas metodoloxías e estratexias no eido da educación emocional, ecosocial, inclusiva e a coeducación. Tal proceso propón diversos tipos de estratexias e accións para fortalecer as capacidades e recursos de diversos actores para traballar sobre o Dereito ao Hábitat,e estrutúrase nun conxunto de fases que abordan, dende o enfoque ecofeminista e ecosocial, as distintas dimensións do dereito ao hábitat (física, social e política) partindo do contexto mais inmediato, o centro educativo, para logo abordar as dimensións máis globais do barrio e a cidade.  A proposta educativa no centro combina as sesións de reflexión co alumnado co deseño e execución de accións transformadoras no centro, que afecten a diversas dimensións do hábitat (espaciais, socias, políticas, culturais), e aporten unha mellora da experiencia e o benestar no mesmo.

Nesta Fase 4, tras anos de accións puntuais en centros diversos de secundaria principalmente, ASF Galicia focalízase facendo un traballo en profundidade nun deles (o IES Menéndez Pidal da Coruña) a modo de laboratorio, para poder aprender, investigar, xerar procesos, contidos educativos, materiais de sensibilización e metodoloxías que poidan ser logo sistematizadas, publicadas e replicadas a maior escala contando coas alianzas e redes axeitadas para facelo. Tamén se centrará na facilitación de espazos de formación e de sensibilización para axentes multiplicadores neste campo, tanto docentes de secundaria como actores de educación non formal ou relacionados co deseño e xestión do hábitat. Por último, nesta última Fase tamén se planea rematar os procesos emprendidos en fases previas relacionados coa sistematización de experiencias e a Investigación-Acción Participativa (IAP), que culminarán coa elaboración de materias educativos e dunha Guía que de conta dos resultados do proceso de investigación.

Ano: 
2022
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Educación para o desenvolvemento
Rexión: 
Europa
País: 
ESPAÑA
Zona de actuación: 
Galicia
Axentes: 
ARQUITECTOS SEN FRONTEIRAS
Código CRS: 
99820 - Sensibilización sobre os problemas relacionados co desenvolvemento
Obxectivos: 

Xeral:  Contribuír ao desenvolvemento dunha cidadanía crítica e activa na defensa do Dereito ao Hábitat en Galicia.

Específico: Incrementado o coñecemento sobre problemáticas sobre o Dereito ao Hábitat, e a adquisición de competencias e ferramentas para a defensa deste, cun enfoque ecosocial e ecofeminista, no contexto educativo de secundaria e entre axentes multiplicadores clave en Galicia

Resultados e actividades: 

RE 1.1 Deseñada e implantada a Fase 4 dun programa de formación-acción sobre o Dereito ao Hábitat dende un enfoque ecosocial, co alumnado de 4º de ESO e coa comunidade educativa do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña

            A.1.1.1 Deseño dos contidos e metodoloxía do Obradoiro Participar para coidar (Fase 4): Mudando Peles

            A.1.1.2 Execución do Obradoiro Mudando Peles (Fase 4)

            A.1.1.3 Acción ou iniciativa vencellada á mellora do Dereito ao Hábitat no centro educativo

RE 1.2 Deseñadas e desenvolvidas ferramentas de sensibilización e accións de formación transdisciplinar sobre o Dereito ao Hábitat con axentes multiplicadores clave ligados á educación e xestión social do hábitat

            A.1.2.1 Deseño do Obradoiro de formación transdisciplinar Transformando V: Cartografías Sociais

            A.1.2.2 Deseño e desenvolvemento do Curso Dereito ao Hábitat (docentes secundaria CAFI_ A Coruña)

            A.1.2.3 Desenvolvemento do Curso en Liña Tecnoloxías Axeitadas. (60 hrs)

            A.1.2.4 Divulgación e sensibilización do dereito ao Hábitat e do proxecto: Web, Podcast Habitando e Boletín Devagar

RE 1.3 Desenvoltos procesos e materiais no marco dun proceso de investigación-acción-participativa para a integración do Dereito ao Hábitat en centros educativos

            A.1.3.1 Rexistro e sistematización dos obradoiros no IES Fase 4 “Mudando Peles”

            A.1.3.2 Elaboración das Unidades didácticas Participar para coidar Fase 3 e 4: “Pel con Pel” e “Mudando Peles”

            A.1.3.3 Desenvolver un proceso de investigación-acción (Fase 4) sobre experiencias educativas que incorporen o enfoque de Dereito ao Hábitat nos centros de secundaria

            A.1.3.4 Elaboración e publicación da Guía “Un IES de moito coidado”

RE 1.4 Xeradas ferramentas para o seguimento e xestión axeitada do coñecemento no proxecto

            A.1.4.1 Avaliación final externa

            A.1.4.2 Presentación final de resultados e produtos “Participar para coidar na UDC”. 

Poboación beneficiaria: 

Directa: 385 persoas, das cales 112 son homes, 173 mulleres, 50 nenos e 50 nenas. (Alumnado e docentes dos centros educativos; profesionais da arquitectura, a educación formal e non formal, o urbanismo ou a intervención comunitaria;  voluntarios de Arquitectura sen Fronteiras; e o grupo de docentes da Universidade da Coruña).

Indirecta: 750 persoas, das cales 20 son homes, 30 mulleres,  350 nenos e 350 nenas. (Alumnado e docentes dos Institutos nos que se implementa o proxecto Terra).

Axudas: 

Axuda Xunta de Galicia:

34.975 € (13.990 € en 2022 e 20.985 € en 2023)