Potencialidades da Economía Circular para o desenvolvemento sustentábel e inclusivo en países de América Latina
O aumento exponencial do consumo de produtos electrónicos é unha realidade en todos os países, tamén nos países de América Latina, o que implica un elevado consumo de minerais escasos e un aumento tamén exponencial de residuos electrónicos, que constitúen un grave problema de alcance global. A nivel mundial, os refugallos electrónicos crecen a unha taxa anual de ao redor do 5% en todo o mundo, e o problema é que nos países en desenvolvemento os refugallos electrónicos medran exponencialmente, e os volumes poderían aumentar ata nun 500% durante a próxima década nalgúns países (Mccann e Wittmann, 2015). Dado que as necesidades de uso de servizos baseados en soportes electrónicos van en aumento e seguirán crecendo co desenvolvemento da economía dixital, internet das cousas, intelixencia artificial, etc. o obxectivo para un futuro sustentable pasa por atopar fórmulas máis eco-eficaces de satisfacer esas necesidades sen incrementar o volume de residuos tecnolóxicos. Iso require desenvolver modelos de negocio circulares, repensar o deseño dese tipo de produtos para prolongar a durabilidade dos mesmos, facilitar a súa reparabilidade e desenvolver patróns de consumo que permitan optimizar os artefactos e infraestruturas electrónicas en uso. Deste xeito, o proxecto ten por obxectivo xeral abordar a grave problemática da xeración de residuos no sector de aparellos eléctricos e electrónicos nos países en desenvolvemento de América Latina e propoñer solucións baseadas no deseño e difusión de modelos de negocio circulares. Para iso, proponse analizar as condicións de partida e as posibles estratexias para contribuír ao desenvolvemento e implantación da Economía Circular en México, Ecuador, Arxentina e Cuba, como unha vía para contribuír a un desenvolvemento máis sustentable e socialmente inclusivo abordando ao mesmo tempo varios dos obxectivos da axenda 2030. A novidade desta proposta reside fundamentalmente no enfoque da Economía Circular (EC) como unha estratexia para un desenvolvemento máis sustentable e inclusivo abordando transversalmente o dereito humano ao hábitat ao tempo que contribúe a crear unha cidadanía global máis comprometida co desenvolvemento sustentable.
Obxectivo xeral: O proxecto ten por obxectivo xeral abordar a grave problemática da xeración de residuos no sector de aparellos eléctricos e electrónicos nos países en desenvolvemento de América Latina. Para iso, proponse contribuír ao desenvolvemento e implantación da Economía Circular en México, Ecuador, Cuba e Arxentina, como unha vía para contribuír a un desenvolvemento máis sustentable e socialmente inclusivo abordando o dereito humano de ter un mellor hábitat e contribuíndo a construír unha cidadanía global comprometida co desenvolvemento humano sustentable.
Obxectivos específicos: Os obxectivos específicos que pretende acadar este proxecto son:
OE 1. Identificar cales son as pautas de consumo de AEE e as magnitudes de residuos de AEE nestes países.
OE 2. Describir o cadro socio-institucional de cada país respecto ao consumo de AEE e a xestión de RAEE.
OE 3. Analizar as estruturas, formais e informais, de xestión de RAEE.
OE 4. Analizar o potencial para a implantación e desenvolvemento de distintos modelos de negocio en liña coa Economía Circular.
OE 5. Desenvolver unha guía para a implantación de modelos de negocio para a Economía Circular nos países de América Latina.
OE 6. Desenvolver unha guía para a elaboración de paquetes integrais de políticas para promover os modelos de negocio para a EC en América Latina.
OE 7. Capacitar e acompañar a axentes claves no territorio para a implantación das guías deseñadas previamente.
Actividade 1. A primeira actividade consiste en realizar un diagnóstico detallado da situación nos catro países seleccionados (México, Ecuador, Arxentina e Cuba) respecto aos trazos da produción e consumo de AEE, así como á xeración de residuos electrónicos nestes países. Esta actividade divídese nas seguintes tarefas:
1.1. Realizarase unha revisión sistematizada dos trazos da produción e consumo de AEE en cada un dos catro países. En concreto, analizarase a participación nos procesos de produción de cadeas locais e globais, xunto coas tendencias no consumo de AEE pola poboación destes países.
1.2. Realizarase unha análise das principais fontes de xeración de refugallos electrónicos, coa identificación das principais categorías de RAEE, a partir da clasificación que recolle a Directiva RAEE 2012/19/EU. Para o efecto, empregaranse as fontes estatísticas dispoñibles e revisarase a literatura e informes dispoñibles de distintas fontes.
1.3. Realizarase unha revisión do marco normativo-regulador existente nestes catro países. Consistirá en analizar as regulacións e tributos que se aplican á compra-venda de AEE, así coma os regulamentos de xestión de residuos, as políticas de responsabilidade ampliada do produtor e os instrumentos fiscais aplicables ao sector de RAEE.
1.4. Realizarase unha análise das carencias en termos de infraestrutura de xestión e tratamento de RAEE en cada un dos países. Esta incluirá a identificación e caracterización de puntos públicos e privados regulados de almacenamento e vertedura, así coma a localización dos principais puntos de depósito irregulares.
1.5. Realizarase unha análise das actividades formais e informais relativas á compra-venda de AEE, así coma de xestión e tratamento de RAEE.
Actividade 2. A segunda actividade consistirá no desenvolvemento dunha proposta integral de modelos de negocio para a Economía Circular aplicables ao sector de AEE:
2.1. Realizarase unha sistematización de modelos de negocio para a Economía Circular no sector de AEE, contemplando as oportunidades ao longo de ciclo de vida destes produtos, dende a extracción de materias primas á fabricación, pasando polos distintos modos de utilización de AEE e o seu tratamento e recuperación ao final da vida útil.
2.2. Realizarase unha determinación dos requisitos necesarios para a aplicación dos diferentes modelos de negocio para EC conceptualizados na tarefa anterior. Estes requisitos atañen a dúas dimensións: coñecementos e capacidades das iniciativas empresariais e marco e capacidade institucional.
Actividade 3. A terceira actividade consistirá no desenvolvemento de estratexias e ferramentas para transferir os coñecementos sobre as prácticas da Economía Circular a axentes identificados como relevantes en cada un dos países analizados.
3.1. Desenvolverase unha guía para a implantación de modelos de negocio para a EC no sector de AEE e RAEE.
3.2. Desenvolverase unha guía para o desenvolvemento de paquetes integrados de políticas orientados a promover e facilitar a posta en marcha de modelos de negocio para a EC en cada un dos países.
3.3. Desenvolveranse capacitacións a axentes clave dos respectivos sistemas de xestión de RAEE para impulsar a implantación dos modelos de negocio identificados na guía. Nomeadamente, en Arxentina, contarase coa participación das empresas Cooperativa Reciclando Trabajo y Dignidad e Silkers S.A. principais axentes na xestión de RAEE. En Ecuador contarase coa participación das empresas INTERCIA e VERTMONDE. En México contaremos coa colaboración da empresa REMSA (Recicla Electrónicos México) a principal empresa de xestión de residuos electrónicos do país.
Ademais das capacitacións realizarase un acompañamento técnico da implantación dos modelos de negocio circulares máis alá do límite temporal do proxecto.
Directa: O equipo de investigación, formado por 8 investigadores (4 mulleres e 4 homes), pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela e ao Centro de Investigacións de Economía Mundial da Habana.
Indirecta: Poboación de México, Ecuador, Arxentina e Cuba.
Axuda Xunta de Galicia: 30.000 € (2021: 15.000 €; 2022: 15.000 €)