Proxectos

PREVENCIÓN DE RISCOS NO SISTEMA DE ABASTECEMENTO E AUGA RURAIS NO PLANALTO DE MUEDA (MOZAMBIQUE)

Segundo datos do INE (2003) o 63,2% da poboación de Cabo Delgado viven baixo o limiar da pobreza e presenta o IDH provincial máis baixo de todo o país. A maioría das familias viven en base á agricultura e á pesca, con sistemas produtivos de alto consumo enerxético e baixo rendemento económico, escaso capital e pouco desenvolvemento tecnolóxico.
A taxa de analfabetismo media da provincia sitúase nun 66,7%.
As enfermidades diarreicas sitúanse entre as primeiras causas rexistradas a través dos anos, debido sobre todo ás inadecuadas prácticas hixiénicas, a escaseza de auga e a precaria calidade desta para o consumo humano.
A zona de actuación foi seleccionada pola Cooperación Galega para comezar unha intervención ampla no sector da auga e o saneamento, coordinada coa AECID que desenvolve na provincia un Programa de fortalecemento institucional dende hai 8 anos e tamén apoia a DPOPH con asistencia técnica.
Durante o estudo de vulnerabilidade xa foi identificado o mantemento e a axeitada operación dos sistemas de auga existentes como un factor clave para a mellora do abastecemento á poboación rural. Como instrumentos fundamentais apuntouse o reforzo institucional, a creación de capacidades e o acompañamento das institucións descentralizadas de auga e saneamento, estratexias fundamentais para conseguir uns efectos positivos que perduren no tempo e que poidan ser apropiados e replicados no resto da provincia.
As estruturas descentralizadas nos distritos non son directamente responsables pola xestión dos pequenos sistemas, pero ante a inexistencia de pequenos operadores privados asumen a xestión dos sistemas existentes. Na gran maioría dos casos, os sistemas son, polo tanto, xestionados por administracións con poucos recursos que colocan operadores cuxa información é exclusivamente derivada da súa experiencia tras moitos anos de operar motobombas.
Este proxecto identifícase a través dunha petición directa da DPOPH de Cabo Delgado motivada pola percepción do elevado risco de fallo existente tras a instalación de novas eletrobombas e xeradores nas subestacións dos sistemas de abastecemento da zona norte da provincia sen formación nin acompañamento durante a súa posta en funcionamento. Hai que ter en conta que se trata dunha nova tecnoloxía que precisa de coidadosas tarefas de operación e mantemento. Se os sistemas de abastecemento son xa de por si vulnerables por motivos naturais ou utilización, o feito de estar sendo operadas sen os coñecementos e protocolos precisos para a súa adecuada utilización e mantemento coloca a poboación beneficiaria dos servizos de auga e saneamento en unha situación de altísimo risco de vulnerabilidade fronte ao seu abastecemento de auga mellorada.
Ante o fallo dos sistemas de abastecemento de auga, a poboación rural da zona recorre a fontes afastadas e/ou contaminadas e sofre como consecuencia os efectos negativos na súa saúde, sobre todo en nenos menores de 5 anos e epidemias anuais de cólera. A carencia de fontes de auga melloradas ten ademais importantes implicacións na superación do ciclo da pobreza dende o punto de vista do tempo empregado en buscar auga, que se resta automaticamente do tempo dispoñible para actividades produtivas, descanso e ocio.
 

Ano: 
2010
Instrumento de financiamento: 
Convenio Acción Humanitaria
Rexión: 
África
País: 
MOZAMBIQUE
Zona de actuación: 
Cabo Delgado (provincia)
Axentes: 
AMPHOS XXI CONSULTING
Contraparte: 

Direcçao Provincial de Obras Públicas y Habitaçao (DPOPH)

Código CRS: 
74010 - Prevención de desastres
140 - Abastecemento de auga e saneamento
Obxectivos: 

 OX: redúcese substancialmente o risco para 104.850 persoas do rural de Mozambique en relación cao perda do seu abastecemento de auga mellorado.
OE: redúcese a vulnerabilidade no fallo dos equipos de bombeo eléctricos dos sistemas de abastecemento de auga dos pequenos sistemas en 6 distritos ao norte da provincia de Cabo Delgado.

Axudas: 

18000