Proxectos

Promovida unha educación de calidade para a comunidade educativa de Chinautla, desde os enfoques de xénero, dereitos humanos e interculturalidade

O proxecto pretende dar resposta á vulneración do dereito á educación que está afectando a toda a comunidade educativa de Chinautla, un distrito de Cidade de Guatemala con altos índices de pobreza e extrema pobreza. Os principais problemas educativos presentes na zona de intervención son: o alto índice de fracaso escolar; a exclusión do sistema educativo dunha importante porcentaxe da poboación, principalmente infantil e xuvenil; e a escasa calidade da educación das escolas públicas da zona.

Para facer fronte a esta situación e favorecer que o dereito á educación de calidade poida chegar a ser unha realidade, levarase a cabo unha proposta educativa que ten como eixos transversais o enfoque inclusivo, de xénero e de interculturalidade. A proposta baséase en catro liñas de traballo principais:

1) Un plan de formación dirixido ao profesorado de tres escolas públicas da área de Chinautla para contribuír a mellorar a calidade educativa, ofrecendo novas metodoloxías de aprendizaxe desde os enfoques de xénero, dereitos humanos e interculturalidade. O obxectivo do plan de formación é favorecer a toma de conciencia da necesidade de integrar metodoloxías reflexivas, lúdicas e participativas na tarefa educativa dos e das docentes.

2) Dous programas educativos dirixidos ao alumnado das escolas públicas e un específico para nenos, nenas, mozas e mozos excluídos do sistema educativo.

3) Promover servizos de biblioteca, ludoteca e sala de informática dirixidos especialmente a nenos, nenas e adolescentes que non teñen os recursos e espazos necesarios para levar a cabo o seu proceso de aprendizaxe coa calidade necesaria.

4) Un Centro Infantil Comunitario onde os nenos e nenas de 2 a 6 anos poderán desenvolver habilidades propedéuticas ao estudo en pouca idade e recibir unha achega nutricional equilibrada e acorde á súa idade.

Ano: 
2012
Instrumento de financiamento: 
Convocatoria Proxectos no exterior ONGD
Rexión: 
Centroamérica e Caribe
País: 
GUATEMALA
Zona de actuación: 
Guatemala (cidade)
Axentes: 
INTERED GALICIA
Contraparte: 

Fundación Pedro Póveda para a Educación e Promoción Humana

Código CRS: 
11120 - Servizos e instalacións educativas e formación
11130 - Formación do profesorado
Obxectivos: 

Obxectivo Xeral: contribuír ao dereito a unha educación de calidade dirixida a nenos e nenas, adolescentes e mozas en situación de vulnerabilidade e exclusión social, na área urbano-marxinal de Chinautla, promovendo procesos socioeducativos integrais e inclusivos.
Obxectivo Específico: garantir o acceso a programas socioeducativos de calidade da poboación da área urbana marxinal de Chinautla, desde un enfoque de xénero, dereitos e interculturalidade.

Resultados e actividades: 

Resultado 1.1.: Mellorada a formación profesional e habilidades metodolóxicas de mestras e mestres de primaria de tres escolas públicas da zona de Chinautla.
Actividades:
A.1.1.1.: Organización e preparación da experiencia “Biblioteca-Ludoteca na escola”.
A.1.1.2.: Talleres de formación con mestras e mestres de escolas públicas no espazo de Biblioteca e Ludoteca do Centro.
A.1.1.3.: Proceso de formación coas mestras e mestres nas escolas públicas da zona.
Resultado 1.2.: Mellorada a formación e o nivel académico de nenas e nenos de preescolar e primaria, especialmente do sector educativo público da área de Chinautla.
Actividades:
A.1.2.1.: Organización dos Programas de Apoio Escolar (PAE).
A.1.2.2. Desenvolvemento dos Programas de Apoio Escolar.
A.1.2.3.: Programa de apoio con énfase no desenvolvemento de habilidades psicolóxicas e educación especial.
A.1.2.4.: “Escola de vacacións”.
A.1.2.5.: Seguimento de estudantes en práctica académica.
Resultado 1.3.: Nenos, nenas e mozos excluídos do sistema educativo formal teñen acceso a un programa de educación non formal, que conta co recoñecemento das autoridades educativas (Programa de Apoio Tutorial, PAT).
A.1.3.1.: Organización do programa educativo personalizado (en réxime de tutoría). Denomínase Programa de Apoio Tutorial (PAT).
A.1.3.2.: Desenvolvemento do Programa Educativo Tutorial (PAT).
Resultado 1.4.: Nenos, nenas, mozos e mozas teñen acceso a un espazo lúdico-formativo, para favorecer o dereito ao xogo e o desenvolvemento de capacidades que estimulen/garantan unha aprendizaxe construtiva.
Actividades:
A.1.4.1.: Organización dos servizos de biblioteca, sala de informática e ludotecas.
A.1.4.2.: Servizo diario de atención á poboación beneficiaria en xornadas matutina e vespertina.
A.1.4.3.: Programas de actividades sistemáticas para promover o gusto pola lectura, o dereito ao xogo, favorecer a socialización e estimular a aprendizaxe.
A.1.4.4.: Articulación dos servizos de Biblioteca-Ludoteca e Sala informatizada con outros Servizos e Programas do Proxecto.
Resultado 1.5.: Nenos e nenas en idade infantil acceden a un programa de educación integral propedéutico ao sistema educativo formal, no barrio de Chinautla.
Actividades:
A.1.5.1.: Apoio nutricional diario.
A.1.5.2.: Programa educativo sistemático.
A.1.5.3.: Reunións periódicas con nais / pais das e dos menores do C. C. Infantil.
A.1.5.4.: Capacitación dirixida ás nais educadoras que atenden ao alumnado do C. C. Infantil.

Poboación beneficiaria: 

 Directa: 2.770 nenos, nenas, adolescentes e novas (50% mulleres) e 90 docentes (85% mulleres).

Axudas: 

158.444,00 (2012: 47.533,20; 2013: 110.910,80)