A soberanía alimentaria en risco: sensibilizando e capacitando á sociedade para o cambio sostible
Tras anos de traballo na rexión de Centroamérica, onde as ameazas á soberanía alimentaria se presentan como unhas das principais causas de empobrecemento, Amigos da Terra busca difundir na sociedade galega o coñecemento desta realidade dende un enfoque integral, no senso de amosala a través de todos os puntos de vista. Deste xeito, e seguindo as liñas estratéxicas que definen as actuacións de Educación para o Desenvolvemento desta entidade, o proxecto vertebrarase ao longo de tres eixos: o coñecemento da problemática da soberanía alimentaria, a análise crítica da situación da mesma no sur e da nosa responsabilidade ao respecto, e a presentación e introdución da poboación na práctica de alternativas sostibles de produción agroecolóxica impulsadas nos proxectos de cooperación.
En concreto, o proxecto levarase a cabo a través de varias actuacións complementarias. En primeiro lugar, e como actividade transversal e permanente, realizarase unha difusión da problemática da soberanía alimentaria dende todos os puntos de vista (situación actual nas rexións empobrecidas, principais ameazas, alternativas e vías de solución). Será unha difusión xeral a través da web e das redes sociais, principalmente para garantir a maior difusión e achega á sociedade. Paralelamente, se divulgarán todas as actividades vinculadas co proxecto, de xeito que se poida chegar tamén a todas aquelas persoas que non participaron directamente nas mesmas e espertar o seu interese para outras accións futuras. Ademais, tamén se fará unha difusión presencial da problemática, enfocándoa desde un punto de vista práctico mediante un intercambio de experiencias Norte-Sur, que amose á sociedade os resultados das alternativas de produción sostibles impulsadas nas rexións empobrecidas, así como a viabilidade real da implantación deste sistema produtivo (agricultura ecolóxica) na nosa sociedade.
Por outra banda, esta actividade divulgativa acompañarase de varias actividades de capacitación e introdución na produción ecolóxica, para impulsar o cambio nas actuais pautas de consumo e fomentar o nacemento e a posta en marcha de posteriores iniciativas cidadás desta natureza. Deste xeito contribuirase á creación dunha sociedade informada, crítica e, sobre todo, con capacidade de cambio.
Obxectivo Xeral: Contribuído ao coñecemento por parte da sociedade galega da problemática alimentaria como causa de empobrecemento dos países do sur.
Obxectivo Específico: Sensibilizada parte da sociedade acerca da situación alimentaria no mundo e da nosa responsabilidade ao respecto.
Resultado 1.1.: Fortalecidos os coñecementos sobre os dereitos humanos das mulleres entre actores sociais clave pola súa especialización e potencialidade de multiplicación (organizacións de mulleres, feministas, ONGD, educadores e educadoras, medios comunicación).
Actividades:
A.1.1.1.: Preparación, edición e difusión web de información, documentos e material sobre a problemática alimentaria e sobre as actividades que, no marco do proxecto, se leven a cabo.
A.1.1.2.: Organización e posta en marcha dunha Mesa de Intercambio de Experiencias Norte-Sur.
Resultado 1.2.: Fomentado o coñecemento e o uso de alternativas sostibles de produción na sociedade galega.
Actividades:
A.1.2.1.: Organización e posta en marcha dun curso teórico-práctico sobre agroecoloxía.
A.1.2.2.: Organización e posta en marcha de obradoiros prácticos sobre hortos urbanos e posterior apoio para a posible xestión de iniciativas cidadás deste tipo.
Directa: Entre 100 e 120 persoas que participarán nas actividades.
Indirecta: Entre 500 e 700 persoas.
15.082,00 (2012:5.278,70; 2013:9.803,30)