Visibilizar e valorar os coidados como imprescindibles para o sostemento da vida e as sociedades, especialmente no ámbito rural galego
Co presente proxecto, InteRed Galicia pretende traballar ao longo dos dous próximos anos cos seguintes grupos de poboación: o alumnado e profesorado das tres universidades galegas; as comunidades educativas das zonas de Viana do Bolo (Ourense) e Mondoñedo (Lugo); a mocidade galega; e a cidadanía en xeral (prestando unha especial atención á poboación masculina). Deste xeito, o proxecto presenta unha serie de liñas de actuacións diferenciadas e construídas atendendo ás características do público destinatario.
Co fin de contribuír a promover unha cidadanía galega crítica, responsable e comprometida, o proxecto impulsará unha vertente formativa materializada na execución de cursos de verán organizados conxuntamente coa Universidade de Santiago de Compostela; a elaboración dunha publicación froito do intercambio de experiencias nos diferentes centros educativos participantes no proxecto; e a realización de xornadas formativas sobre masculinidades, coidado de vida e prevención da violencia de xénero. Con esta última actividade preténdese constituír unha rede de axentes multiplicadores en temas de masculinidades coa intención de que desenvolva o seu traballo en Galicia.
Por outra banda, dentro da estratexia de sensibilización, impulsarase un proceso continuado de sensibilización e formación coas comunidades educativas de Viana do Bolo e Mondoñedo e coa mocidade galega e outras entidades do eido da cultura a través de distintos procesos formativos que poñerán o acento na importancia de que a vida sexa o centro motivador de toda actividade social cun enfoque de xénero.
A realización destas actividades permitirá fortalecer e consolidar o proceso de formación que desde a delegación de InteRed en Galicia vén acompañando á sociedade galega en materia de xénero, promovendo o coñecemento e defensa dos dereitos, especialmente das mulleres, e a súa visibilidade e empoderamento.
Obxectivo Xeral: Impulsar procesos socio-educativos que promovan unha cidadanía galega crítica, responsable e comprometida, a nivel persoal e colectivo, coa transformación da realidade local e global para construír un modelo de desenvolvemento sostible no que a vida, con perspectiva de xénero, sexa o centro.
Obxectivo Específico: Formar e sensibilizar aos colectivos clave do ámbito educativo formal e non formal (especialmente de zonas rurais), e da sociedade galega en xeral sobre a importancia de lograr que a vida sexa o centro motivador de toda actividade social desde unha perspectiva de xénero.
Resultado 1.1. Alumnado e profesorado das universidades galegas, profesorado en xeral e profesionais do ámbito social, familiarízanse co tema da comunidade como contexto de desenvolvemento e aprendizaxe cun enfoque de xénero e de ética dos coidados.
Actividades:
A.1.1.1.: Divulgación e realización do curso de verán “Aprender en comunidade: estratexias educativas en tempos de crise económica e social” en colaboración coa USC, en Santiago de Compostela, no mes de xullo do 2012 con 16 horas de formación, dirixido ao profesorado e alumnado do ámbito universitario, e ao profesorado non universitario.
Resultado 1.2. As comunidades educativas das zonas de Mondoñedo e Viana do Bolo fortalecen as súas capacidades para impulsar a incorporación do enfoque de xénero e da ética do coidado na súa práctica educativa.
Actividades:
A.1.2.1.: Realización de procesos formativos continuados coas comunidades educativas das zonas de Viana do Bolo e Mondoñedo, a través da conformación de grupos de traballo e formación. Nº de horas: 60. Lugar: Mondoñedo (30 horas) e Viana do Bolo (30 horas).
Resultado 1.3. Centros educativos das zonas de Mondoñedo e Viana do Bolo intercambian experiencias e contan cunha publicación de boas prácticas educativas en materia de xénero.
Actividades:
A.1.3.1.: Edición e divulgación da sistematización sobre o traballo en xénero e coeducación desenvolvido polo profesorado no proxecto anterior tamén financiado pola Xunta de Galicia.
A.1.3.2.: Celebración dun encontro de profesorado das zonas de Mondoñedo e Viana do Bolo para a divulgación da publicación e intercambio de boas prácticas. Lugar: Mondoñedo e Viana do Bolo. Nº de horas: seis.
Resultado 1.4. Sensibilización e formación dun grupo da mocidade e o profesorado galego, afondando na Educación para o Desenvolvemento e na importancia de que a vida sexa o centro motivador de toda actividade social cun enfoque de xénero.
Actividades:
A.1.4.1.: Realización dun proceso formativo continuado en Educación para o Desenvolvemento a través de oito módulos realizados coa mocidade e o profesorado galego, afondando sobre a importancia de que a vida sexa o centro motivador de toda actividade social cun enfoque de xénero.
Resultado 1.5. Persoas de asociacións socioculturais da zona de Viana do Bolo amósanse sensibilizadas sobre a importancia de que a vida sexa o centro de toda a actividade social.
Actividades:
A.1.5.1.: Contacto e visita para o inicio dun proceso de sensibilización e formación con asociacións culturais sobre a importancia de que a vida sexa o centro motivador de toda actividade social.
Resultado 1.6. Conformación dunha rede de axentes multiplicadores en temas de masculinidades que estaría a desenvolver o seu traballo en Galicia.
Actividades:
A.1.6.1.: Organización do curso-obradoiro “Equinocio”, sobre o tema de masculinidades.
Directa: 40 persoas pertencentes ao eido universitario, un grupo de 18 persoas pertencentes ao persoal docente dos centros educativos de Viana do Bolo e Mondoñedo e 216 alumnos e alumnas de ditos centros. Por outra banda, contarase coa participación de entre 15 e 20 persoas interesadas en formarse en cooperación internacional. Tamén se impulsará unha experiencia piloto de traballo de masculinidades formada por dúas familias. Para o obradoiro “Equinocio” contarase coa presenza de entre 15 a 20 homes maiores de idade.
Indirecta: 250 persoas do eido universitario, claustro, alumnado e persoal non docente dos centros educativos implicados (508 persoas). Arredor de 300 persoas se beneficiarán do efecto multiplicador das diferentes actividades formativas e sensibilizadoras.
24.984,00 (2012: 8.744,40; 2013: 16.239,60)