Proxectos
-
Promover a co-responsabilidade e dotar de novas capacidades e ferramentas ao alumnado de educación secundaria e superior de Galicia para contrarrestar os discursos do odio desde o enfoque de dereitos humanos (Xeración Contrainfo Fase III)
Xeración Contrainfo nace en 2022 como resposta á radicalización dos discursos de odio entre as e os adolescentes, que segundo relatan as e os docentes e os colectivos afectados están provocando un clima de polarización social nas aulas e uns altos niveis de intolerancia e de agresividade cara aos colectivos excluídos, as persoas migrantes e racializadas, as persoas xitanas e as persoas do colectivo LGTBIQ+.
-
Mellora da capacidade de reflexión crítica e de xeración de produtos educomunicativos do alumnado de secundaria de Boiro, Bueu, Silleda, Viana do Bolo e Brión e do profesorado de centros públicos de Galicia (EpDLab| Laboratorio de EpD)
Tras dez anos en funcionamento o EpDLab seguirá afondando nos catro eixos fundamentais do proxecto: a ECG como materia transversal no ensino, a innovación educativa con perspectiva crítica, a comunicación dixital como estratexia de transformación social e as ferramentas para facilitar a multiplicación e a réplica dos resultados. Todas as actividades baséanse na comunicación entendida como un feito social e cultural, no seu impacto no contexto cotián e na relación con outras persoas, colectivos e lugares do mundo.
-
Sementando coeducación desde o rural: os coidados como xerme para a sustentabilidade da vida. Fase II.
O proxecto ten como obxectivo contribuír a promover en Galicia unha cidadanía global, crítica e comprometida cun modelo de desenvolvemento que poña no centro o coidado das persoas e do planeta baixo unha perspectiva ecofeminista e de acordo co cumprimento da Axenda 2030. Esta intervención da continuidade a un proceso de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global iniciado no ano 2023 e pensado nun horizonte a tres anos.
-
Fame Cero: sensibilización, formación e concienciación sobre o dereito humano á alimentación e o ODS 2 en centros rurais de ensino infantil e primario. Fase III
Este proxecto desenvolve a terceira fase dunha intervención trienal (2022-2025) en Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global promovida por Mans Unidas en Galicia nas dimensións de sensibilización, formación e educación, e mobilización social polo dereito humano á alimentación no marco do ODS 2 “Fame cero”. O proxecto afrontará a actual situación de vulneración do dereito á alimentación que fundamenta o ODS 2 e promoverá entre a cidadanía e a comunidade educativa galega valores, hábitos, actitudes e estilos de vida máis solidarios e sustentables.
-
Rede de Eco Hortas Escolares
Este proxecto ten como meta promover unha comunidade educativa galega concienciada e participativa na construción de modelos alimentarios máis sustentables. Para elo traballarase a partir dunha liña de acción focalizada na educación formal, dentro da Rede de Eco Hortas Escolares, unha rede de traballo colaborativo que naceu no curso 2018/2019 e que conta cun total de 14 centros educativos participantes.
-
Asistencia humanitaria a familias extremadamente vulnerables a seca por vivir lonxe de sistemas de auga potable en dous comunidades do Municipio de Calamarca: Choritotora e Ninacho
Este proxecto está enfocado a dar asistencia humanitaria ás 175 persoas (35 familias de 2 comunidades veciñas) directamente afectadas pola seca causada polo fenómeno climático do Neno agravado polos efectos do Cambio Climático.
-
Activistas polo mundo que queremos 2023-2024
Esta iniciativa está dirixida a 400 alumnos e alumnas dos centros galegos de secundaria e formación profesional xunto ao seu profesorado, e ten como obxectivo afondar nas desigualdade sociais existentes e as causas que as perpetúan con especial atención a realidade dos países empobrecidos nos que traballa a cooperación galega.
-
I Programa Galego de acollida temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos
O presente proxecto pretende desenvolver o primeiro Programa Galego de Acollida Temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos co obxectivo de xerar estratexias de acollida temporal que melloren as condicións de seguridade e benestar nas que realizan o seu traballo de defensoría.
-
Mellorar a dieta dos refuxiados saharauís a través da compra e distribución de ovos e prestación de axuda sanitaria e dotación de material sanitario nos campamentos de refuxiados saharauis
O Sáhara Occidental é un territorio en litixio, declarado non autónomo polo Comité de Descolonización das Nacións Unidas. Dende que a súa potencia colonizadora, España, abandonou a zona en 1975 a rexión atópase, na súa gran maioría, baixo o dominio de Marrocos. En 1976 constitúese a República Árabe Saharauí Democrática (RASD), gobernada polo grupo independentista Frente Polisario, apoiado por Alxeria. Os campamentos levantáronse nunha zona da rexión de Tindouf que o goberno de Alxeria cedeu temporalmente ó Frente Polisario para o asentamento da poboación en 1975.
-
Reforzo do sistema de protección da infancia e dos servizos integrados de prevención e resposta aos problemas de protección da infancia, incluída a violencia de xénero, no distrito de acollida de refuxiados de Yumbe (Uganda).
O obxectivo da intervención é reforzar a contorna de protección das nenas e os nenos nos asentamentos de refuxiados e comunidades de acollida do distrito de Yumbe en Uganda. Para logralo, UNICEF reforzará o sistema de protección do Goberno de Uganda e proporcionará servizos directos de prevención e resposta ás nenas, nenos e adolescentes do distrito de Yumbe, incluído Bidibidi, o maior asentamento de refuxiados do país.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- 18
- 19
- 20
- …
- seguinte ›
- última »