Presentación

Cooperación Galega é a “marca” a través da cal a Xunta de Galicia canaliza as súas accións en prol do desenvolvemento e a erradicación da pobreza no mundo.

A través da política pública de cooperación para o desenvolvemento, regulada na Lei 3/2003, do 19 de xuño, a sociedade galega pon a disposición dos pobos empobrecidos a súa experiencia histórica, os seus valores, activos e recursos, sumándose aos procesos existentes para combater a pobreza e as súas causas e promovendo activamente o dereito ao desenvolvemento integral, humano e sustentable.

Na actualidade, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza é o órgano da administración encargado de deseñar e dirixir a política de cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia.

Nos diferentes ciclos de planificación, a Cooperación Galega foi desenvolvendo procesos de concentración, tanto xeográfica, reducindo o número de países prioritarios, como sectorial, centrándose naqueles sectores estratéxicos nos que conta con vantaxes comparativas, como en pesca e acuicultura, abastecemento de auga e saneamento, agricultura e desenvolvemento rural e educación para o desenvolvemento.

Na actualidade estamos no ultimo ano de execución do III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017. O Plan, adaptado ao contexto económico e financeiro actual, conta cun carácter máis estratéxico e busca a posta en valor dos aspectos cualitativos da nosa cooperación, de acordo cos seguintes principios:

  • Maior concentración xeográfica, reducindo o número de países prioritarios  a 9 (Mozambique, Bolivia, Ecuador, O Perú, República Dominicana, Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador).
  • Concentración sectorial da axuda en 7 sectores (agricultura e desenvolvemento rural, educación, pesca e acuicultura, xestión integral e gobernanza de recursos hídricos, habitabilidade básica e abastecemento de auga e saneamento, saúde xeral e básica e programas/políticas sobre saúde sexual e reprodutiva).
  • Especialización da Cooperación Galega con base nas súas vantaxes comparativas.
  • Maior eficacia e impacto das actuacións de cooperación.
  • Maior eficiencia na xestión e avaliación da cooperación.
  • Garantía da solvencia e sostenibilidade financeira da Cooperación Galega.
  • Coordinación e complementariedade das actuacións da Cooperación Galega coas doutros actores.

No cumprimento dos compromisos recollidos no Plan xogan un importante papel os axentes galegos de cooperación. Sen a colaboración das ONGD, das universidades galegas, das empresas e do resto dos axentes de cooperación non poderíamos afrontar o reto do desenvolvemento.

Para a consecución dos nosos obxectivos consideramos de vital importancia a concienciación da sociedade. Desde a Cooperación Galega procuramos fomentar na sociedade a nosa responsabilidade que como pobo desenvolvido temos cara os máis desfavorecidos. Traballamos neste sentido dende a base dun maior coñecemento das realidades e das situacións de necesidade que viven máis de dous terzos da poboación mundial.

A páxina web da Cooperación Galega pretende ser un espazo de encontro e divulgación da políticas de cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia; unha ferramenta útil para todos os cidadáns e, especialmente, para todas as galegas e galegos que traballan a prol da consecución dun mundo máis xusto e equilibrado.