Proxectos
-
Garantindo servizos sanitarios básicos para a poboación refuxiada de Palestina en Siria.
O proxecto “Saúde en emerxencias” de UNRWA, garante servizos sanitarios gratuítos para a poboación refuxiada palestina en Siria, con enfoque de xénero e dereitos humanos. Manterá o centro Alliance en Damasco durante seis meses, beneficiando a 4.869 persoas ao mes, e incluirá formación a familias e persoal sanitario para atender a menores con discapacidade, fortalecendo a resiliencia comunitaria e inclusión social.
-
Resposta ás necesidades psicosociais e de saúde mental dos nenos, nenas e as súas familias afectados pola crise sudanesa na provincia de Sila, Chad
O proxecto fai fincapé no coidado alternativo dos nenos e nenas en situación de risco, incluídos menores non acompañados e separados e a súa reunificación familiar; a prestación de servizos de apoio psicosocial, e a capacitación e sensibilización en protección da infancia. Este proxecto baséase no que xa se conseguiu e amplía as intervencións a Sila, onde a continua afluencia de poboación refuxiada e retornada provoca un aumento das necesidades humanitarias nunha provincia cunha cobertura de resposta limitada e gravemente afectada polo cambio climático e a pobreza sistémica.
-
Camiños cara á resiliencia: fortalecemento do apoio psicosocial e a protección dos nenos e as familias afectados pola guerra en Ucraína
O presente proxecto ten como obxectivo mellorar o benestar psicosocial de nenos, nenas e xuventude afectados pola guerra, reforzando os seus mecanismos de resiliencia e o seu acceso a servizos de saúde mental e apoio psicosocial. Esta iniciativa forma parte dunha intervención máis ampla de Terra de Homes en Ucraína e dá continuidade aos dous proxectos previos financiados pola Xunta de Galicia en 2023 e 2024.
-
Reforzo servizos integrais de saúde a grupos vulnerables en Ramallah e Ciudad de Gaza, Palestina
Este proxecto aborda a crise humanitaria en Palestina debido á violencia desde outubro de 2023, enfocándose en mellorar a saúde mental de persoas vulnerables en Gaza e Ramallah. Busca crear espazos seguros e ofrecer apoio psicosocial, tanto presencial como remoto, para fortalecer a resiliencia das vítimas do conflito. Responde ás necesidades locais e alíñase con plans internacionais de cooperación, cun enfoque participativo e feminista.
-
Aumento resiliencia de mulleres saharauís refuxiadas mediante resposta de protección humanitaria.
O proxecto que se presenta contribuirá a aumentar a resiliencia das mulleres saharauís refuxiadas nas wilayas de Campamentos de Poboación Saharauí Refuxiada (CPSR), situadas nos arredores da cidade de Tinduf, Alxeria, na fronteira con Sahara Occidental e Marrocos, como requisito indispensable para contribuír a aliviar o sufrimento de mulleres saharauís máis vulnerables fronte á crise humanitaria de longa duración na que sobreviven.
-
Protección do dereito á saúde e os dereitos sexuais e reprodutivos con perspectiva de xénero nun contexto de naturalización da violencia e crise humanitaria esquecida en Beni, Kivu Norte, RDC
Esta intervención ten como obxectivo contribuír ao exercicio do dereito á saúde e os dereitos sexuais e reprodutivos da poboación máis vulnerable afectada pola violencia sistemática, o desprazamento e a crise humanitaria da República Democrática do Congo. Un país inmerso nunha das situacións humanitarias máis complexas e desafiantes do mundo, con múltiples conflitos que afectan a varias partes do seu territorio desde hai case tres décadas.
-
Construción Segura e Capacitación Comunitaria en Metuge tras os impactos do Ciclón Chido.
O proxecto “Refuxios ante os impactos do Ciclón Chido: Construción Segura e Capacitación Comunitaria no distrito de Metuge, Mozambique” céntrase no distrito de Metuge e ten como obxectivo xeral aumentar as oportunidades e reducir a pobreza nas persoas do distrito de Metuge, afectadas polo Ciclón Chido e os conflitos na provincia de Cabo Delgado. Este distrito foi gravemente afectado polo paso do Ciclón Chido e polos conflitos armados no norte da provincia que provocaron o desprazamento de miles de persoas a comunidades de acollida como Metuge.
-
¡Protección AH-ora! Fortalecer a Acción Humanitaria, localizada e diversa para a protección integral de persoas LGBTIQ+ desprazadas no Salvador
Dende 2022, ACPP e Asociación Comunicando e Capacitando a Mulleres no Salvador (COMCAVIS) traballaron en alianza para fortalecer a protección integral de persoas LGBTIQ+ en situación de desprazamento forzado no Salvador. Este esforzo materialízase na Casa Refuxio Karla Avelar, o único albergue seguro no país e na rexión para persoas sexo-xénero disidentes. Esta terceira fase de intervención consolida un enfoque feminista, interseccional e localizado que non só busca aliviar o sufrimento, senón tamén fortalecer as capacidades de COMCAVIS.
-
EnREDadas no Cambio: Feminismo Emprendedor para a Transformación Global
O proxecto redefine o emprendemento desde unha perspectiva feminista e inclusiva. Desafía os paradigmas tradicionais do emprendemento, tradicionalmente masculinizados e individualistas, para visibilizar modelos empresariais liderados por mulleres que dan prioridade ao impacto social, a sustentabilidade e a xustiza de xénero.
-
O Globo. Fomentando a cultura participativa con enfoque de ECG e feminista mediante a creación de procesos e espazos que visibilicen, conecten e impulsen o activismo social e a participación cidadá transformadora, tanto dentro como fóra do sistema educativo galego.
“O Globo” é un proxecto que busca fomentar e articular a participación social no territorio galego mediante un enfoque integral e baseado no coidado das persoas, e promovendo espazos virtuais e presenciais que sexan de utilidade para o desenvolvemento comunitario.
No eido da educación regrada, participan catro centros (un de Primaria, outro de Secundaria, un de Formación Profesional e unha Universidade) para promover en cada un deles o deseño e posta en marcha de iniciativas de transformación social.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- …
- seguinte ›
- última »