Proxectos
Neste apartado teñen a súa disposición a información dos proxectos financiados pola Cooperación Galega.
Buscar proxectos en
-
Mellora da educación e comunicación para o desenvolvemento na educación infantil, primaria e secundaria, e da formación en cooperación e comunicación para o desenvolvemento no ámbito universitario (EpD - CpD III)
Este proxecto, continuación doutros anteriores, fai unha aposta integral pola sensibilización e formación en educación e comunicación para o desenvolvemento na comunidade galega, que abarca dende a educación infantil ata a universitaria. A proposta contribúe a fortalecer un clima de tolerancia, solidariedade, democracia e respecto, dende a conciencia crítica e a pluralidade en oito centros educativos das provincias da Coruña e Pontevedra, que ao longo do curso adquiriron un compromiso concretado nas actividades de Escolas Sen Racismo, Escolas pola Paz e o Desenvolvemento.
-
Proxecto sanitario nos campamentos de persoas refuxiadas saharauís
O presente convenio tivo por obxecto establecer as condicións polas que se rexerá a colaboración entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) no proxecto sanitario nos campamentos de persoas refuxiadas saharauís. O proxecto ten como obxectivo contribuír a mellorar as condicións de vida da poboación refuxiada saharauí garantindo o acceso a unha atención sanitaria de calidade.
-
Fortalecemento da soberanía alimentaria e do uso racional dos recursos naturais en 10 comunidades da microcunca Quebrada Gallardo, municipio de Namasigüe, departamento de Choluteca, Honduras. Fase II
O proxecto localízase na microcunca da Quebrada Gallardo, no municipio de Namasigüe, pertencente ao departamento de Choluteca en Honduras. Con el preténdese dar continuidade á primeira fase do proxecto para contribuír a impulsar a soberanía alimentaria e o uso racional dos recursos naturais no sur de Honduras, mediante o fortalecemento e a diversificación dos sistemas de produción familiar sostibles, facendo énfase no uso racional dos recursos naturais.
-
Axuda humanitaria para os refuxiados burundeses e congoleños dos campos de Kasulu (Mtabila) e Nyarugusu. Tanzania
Tanzania alberga na actualidade arredor de 300.000 persoas refuxiadas procedentes da República Democrática do Congo e de Burundi. Esta poboación, fuxida da rexión dos Grandes Lagos a mediados dos anos 90 con motivo do xenocidio desa época e dos conflitos posteriores, depende totalmente da axuda internacional ao impedirlles a lexislación de Tanzania acceder a un posto de traballo. Trátase da maior e máis complexa operación de refuxiados no continente africano, tanto pola súa duración como polo número de persoas afectadas.
-
Prevención, cribaxe e tratamento dos casos de malnutrición na rexión de Sahel. Burkina Faso
A rexión do Sahel enfróntase a unha crise alimentaria e nutricional que pon en perigo a saúde e a vida de máis dun millón de nenos que sofren malnutrición. Sete dos oito países da zona rexistran taxas elevadas de desnutrición en nenos menores de 5 anos (oscilando entre o 5% e o 20%). O 35% das mortes infantís na rexión está vinculado dalgún xeito á desnutrición. En Burkina Faso o Hospital Rexional de Referencia só capta os casos máis graves, os de malnutrición aguda severa con complicacións.
-
Articulación comunitaria para contribuír á redución do risco de desastres no Distrito de Belle-Anse, Departamento Sudeste. Haití
As características xeográficas de Haití e o impacto da actividade humana no seu entorno teñen anulado case na súa totalidade a produtividade do país, formado nas súas tres cuartas partes por terreo montañoso, mentres que as chairas están formadas por terras deforestadas, completamente estériles hoxe en día. Neste contexto, ao redor do 80% da poboación se atopa sumida na pobreza, convertindo a este país no máis pobre de toda América Latina. Así mesmo, a porcentaxe de pobreza extrema é do 54%, o que implica que 4.450.000 habitantes viven con menos dun dólar ao día.
-
Axuda humanitaria a familias indíxenas en situación de extrema pobreza, damnificadas polas choivas torrenciais, inundacións e xeadas en Ccellopampa, Apurimac. Perú
Fenómenos naturais de tipo climatolóxico, como chuvias torrenciais, xeadas e nevadas, afectan de xeito recorrente á rexión peruana de Apurimac, situada na vertente oriental da cordilleira andina. As fortes precipitacións, acaecidas habitualmente entre os meses de novembro a maio, provocan na rexión danos como desbordes de ríos, inundacións ou desprendementos. De abril a outubro, cada ano, a rexión está influenciada por aires extremadamente fríos.
-
Rehabilitación da rede de Servizos de Saúde Sexual e Reprodutiva (SSR) e da Saúde Infantil (SE) de menores de 5 anos na Rexión de Petit-Goâve. Haití
Médicos do Mundo leva dous anos dando resposta á situación de urxencia que vive Haití en materia de saúde na rexión de Petit-Goâve do Departamento Oeste. Lexitimada na confianza xerada entre a poboación e institucións sanitarias locais, a organización quere superar a resposta de urxencia para dotar á intervención dun carácter máis estable e planificado, acorde ao enfoque de Vinculación entre Axuda-rehabilitación e Desenvolvemento (VARD).
-
Apoio ao Plan Nacional de Loita contra a SIDA para a mellora da atención integral de persoas seropositivas e diminución da transmisión vertical do virus
O proxecto pretende dar resposta á vulneración do dereito á saúde en Guinea Bissau, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos, neste caso os enfermos con VIH que non teñen acceso a servizos sanitarios que garantan un axeitado tratamento da súa enfermidade. Así mesmo, pretende contribuír a previr e frear o contaxio da enfermidade.
-
Mellora do acceso á auga e á educación en hixiene nas comunidades indíxenas de Gutiérrez e Boyuibe do chaco boliviano
O proxecto pretende desenvolver accións integrais que contribúan a mellorar a salubridade e, xa que logo, a calidade de vida da poboación das comunidades guaraníes dos municipios de Boyuibe e Gutiérrez. Isto conseguirase garantindo a subministración permanente de auga potable para o consumo, e a prevención de enfermidades relacionadas con cadros diarreicos agudos e infeccións asociadas.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 74
- 75
- 76
- 77
- 78
- 79
- 80
- 81
- 82
- …
- seguinte ›
- última »